A Noiteboa é unha boa xornada para gozar do teatro sen necesidade de moverse de casa nestes tempos de pandemia. A Deputación de Pontevedra ofrece funcións virtuais dentro do programa 'Prendendo butacas na casa'.
As funcións recollidas neste programa comezan este xoves ás 10.00 horas e finalizarán o domingo 3 de xaneiro. Esta proposta inclúese no plan para a 'Re-acción Cultural' que desenvolve a institución provincial tras o confinamento pola covid-19. Todas as funcións poderán verse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra.
A primeira representación é 'Rosalía' da compañía Culturactiva e trátase dun espectáculo pensado para o alumnado de Primaria, con contido familiar, achegando a vida da máis coñecida autora galega aos espectadores. Na obra móstrase como na infancia é onde xorden as poetas, en vidas cheas de rebeldía, lecturas, curiosidade e xogos.
Ao día seguinte, 25 de decembro, poderase ver a obra 'Camiños', da compañía Butaca Zero, cunha versión millenial de Galicia. É unha peza de carácter feminista con cinco actrices en escena, na que se realiza unha reflexión histórica sobre a emigración e o papel da muller na sociedade.
O sábado 26 chega a oportunidade de ver o último espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro, 'O mel non caduca', no que se trata a relación do ser humano cos obxectos para analizar a degradación ecolóxica do planeta.
O domingo 27, a obra 'Afterparty', de A Feroz, ofrece unha reflexión sobre a decepción e as preguntas dunha xeración que ten a sospeita de que chega tarde a todo.
O mércores 30 de decembro será a quenda de Baobab Teatro con ' Fíos', unha obra para público familiar, recomendada para escolares a partir dos 4 anos, con historias que se desenvolven ao redor dun taller de costura.
O 31 de decembro, a mellor maneira de pasar o fin de ano será con Viravolta Títeres e 'A maleta de Don Attilio', outra montaxe para público infantil e familiar que transcorre nun circo.
O 1 de xaneiro haberá descanso pero o sábado 2 chegará 'A Galiña Azul', de Tanxarina Títeres. A obra baseada en catro contos do autor Carlos Casares, con humor e a utilización de diversas técnicas de manipulación dos bonecos.
Esta programación do Nadal finalizará con Educa Teatro e 'Os Tres Porquiños', un musical que se poderá ver o día 3 de xaneiro, cunha posta en escena na que se inclúen cancións e unha idea didáctica para fortalecer os coñecementos sobre números e cores.