Todo está preparado xa en Vilar de Mato para comezar a recibir os festivaleiros que, os días 26 e 27 de agosto, achegaranse a esta aldea de Cuntis para gozar da oferta lúdica que preparou a organización do festival A Revolta do Umia de cara a esta quinta edición.
Terbutalina ou Grande Amore serán os principais atractivos musicais dun festival que, como novidade, acollerá un mercado de artesáns, a proxección das curtas gañadoras do concurso A fume de carozo do festival LAV.mov ou un obradoiro de cerámica castrexa.
A Revolta do Umia comezará o venres 26 coa celebración dunha cata sonora, cantada por Madalena Gamalho, unha das grandes voces emerxentes do panorama musical galego.
Ás 16:30 horas darán inicio as proxeccións das curtas do concurso A fume de carozo do LAV.mov, e a partir das 20:30 horas arrancarán os concertos de Ann Trash, Liska, Igloo, Terbutalina e Viva Belgrado. A noite do venres pechará coa sesión de DJ Ozetak.
O sábado 27 as actividades comezarán xa ás 10:00 horas cunha andaina que transcorre a carón do río Umia, nun roteiro recuperado por unha asociación local.
Contra as doce do mediodía haberá un obradoiro de cerámica castrexa, dirixido por persoal da Fundación Terra Termarum de Cuntis. Á mesma hora, e para todos os públicos, haberá un obradoiro de DJ, e ás 13:00 horas unha sesión vermú coa electrónica de DJ Viktor Flores.
Despois do xantar popular que se celebra a carón do festival, ás 16:30 horas terán lugar os xogos populares, nunha contorna única a carón do río Umia; e ás 17:00 horas o obradoiro de baile e percusión ou a actuación de Os Bolechas para o público infantil.
As actuacións musicais serán desde as sete da tarde con Capital Voskov, Lisdexia, Kings of the beach, Grande Amore e Bala. Todo rematará cunha sesión de electrónica de DJ Viktor Flores.
A Revolta do Umia é un festival que, segundo os seus organizadores, naceu "sen grandes pretensións", máis alá dun xantar popular e varios concertos, pero ante o seu potencial foron crecendo ata converterse en algo "singular" pola contorna, polo respecto ao medio ambiente e a posta en valor do medio rural dende os planos cultural e musical.
"Gustaríanos ser para a música o que Cans e para o cine, un festival cun carácter propio que se desenvolve nunha contorna singular", destacaron.
As entradas poden adquirirse en dúas modalidades, bonos completos ou entradas por días, desde o web do festival www.arevoltadoumia.gal.