Teresa Fernández-Valdés, primeira española en recibir unha medalla de honra no MIPTV de Cannes

Pontevedra
11 de abril 2018

Xa fora elixida pola prestixiosa revista The Hollywood Reporter como unha das vinte mulleres máis poderosas da televisión en todo o mundo e, con este novo recoñecemento que recibiu en Francia, no maior mercado internacional de contidos para televisión do mundo, reafirma a súa posición de liderado no sector

Teresa Fernández-Valdés, tras recibir a medalla de honra en Cannes
Teresa Fernández-Valdés, tras recibir a medalla de honra en Cannes

A pontevedresa Teresa Fernández-Valdés, produtora executiva de Bambú Producciones, converteuse na primeira muller española en recibir unha medalla de honra no MIPTV de Cannes, o maior mercado internacional de contidos para televisión do mundo, onde se presentan as novidades para a próxima tempada.

Ela é, xunto co seu marido Ramón Campos, a responsable dunha factoría de ficción que está detrás de grandes éxitos televisivos como Gran reserva, Bajo sospecha, Gran hotel, Velvet ou o máis recente, Fariña.

Xa fora elixida pola prestixiosa revista The Hollywood Reporter como unha das vinte mulleres máis poderosas da televisión en todo o mundo e, con este novo recoñecemento que recibiu en Francia, reafirma a súa posición de liderado no sector.

Trátase dun premio coa que o MIPTV recompensa en cada edición a directivos que contribuíron ao desenvolvemento da industria internacional e da súa comunidade.

Fernández-Valdés asegurou que recibiu este premio como un galardón "a toda a industria española", á que animou a que sexa "máis ambiciosa" cos seus proxectos e que aposte por conectar coas emocións dos espectadores "desde a identidade local".

Ademais, dedicou o premio "a todas as mulleres que traballan comigo" porque explicou que unha produtora "non pode facer nada sen os mellores profesionais ao seu lado".

A produtora pontevedresa compartiu este recoñecemento co francés Pascal Breton, o turco Izzer Pinto e o chinés Weidong Yang.

Bambú Producciones, a compañía que dirixe Teresa Fernández-Valdés, foi tamén pioneira no mercado español ao coproducir a serie Refugiados, rodada en inglés para a BBC, e estar detrás de Las chicas del cable, a primeira serie que produciu Netflix en España.

O seu último logro foi dar o salto a Estados Unidos. Actualmente colabora coa adaptación que a cadea de televisión estadounidense ABC prepara da serie Gran hotel, proxecto que impulsa a actriz Eva Longoria.