The Jayhawks e Guadi Galego únense a Quique González no ciclo Voices

Pontevedra
03 de xaneiro 2020

Tres propostas "diferentes" que traerá a Pontevedra a grandes artistas do panorama musical. É o que ofrecerá o ciclo Voices na súa cuarta edición. Xunto ao madrileño Quique González, cuxo concerto xa se confirmara, o Pazo da Cultura recibirá ao longo de 2020 a Guadi Galego e aos estadounidenses The Jayhakws

Presentación do ciclo Voices 2020
Presentación do ciclo Voices 2020 / PontevedraViva

Tres propostas "diferentes" que traerá a Pontevedra a grandes artistas do panorama musical. É o que ofrecerá o ciclo Voices na súa cuarta edición. Xunto ao madrileño Quique González, cuxo concerto xa se confirmou a finais do pasado ano, o Pazo da Cultura recibirá ao longo de 2020 a Guadi Galego e aos estadounidenses The Jayhakws.

Quique González será o encargado de estrear o ciclo, o próximo 25 de xaneiro. Será unha actuación que, segundo o coordinador de Voices, Carlos Mantilla, encherá un espazo que ata o de agora "non estaba cuberto" neste ciclo, ao ser un artista "que sae do foco máis comercial" e que chega nun momento "espléndido" dunha traxectoria musical "impecable".

O 6 de xuño será a quenda de The Jayhawks, que darán en Pontevedra uno dos seus tres únicos concertos en España. Os outros serán en Madrid e Bilbao.

O público poderá escoitar en directo o novo disco desta banda, referente do country-folk americano, que aínda están a gravar. "Cada vez é máis difícil velos por Europa", sinalou Mantilla, que confía en que este concerto atraia a numeroso público de Galicia e Portugal.

Guadi Galego, xa en outubro, é a terceira proposta musical de Voices. A artista, que está "no mellor momento da súa carreira", dixo o coordinador do ciclo, protagonizará un concerto moi especial. Será o peche da xira do seu disco Immersion, no que interpreta temas en todas as linguas oficiais do Estado: galego, castelán, catalán e eúscaro.

En Pontevedra acompañarana os artistas que colaboraron con ela neste disco, unha "cita única en Galicia" que, segundo Carlos Mantilla, ofrecerá unha posta en escena "espectacular" na que Guadi Galego estará "arroupada por amigos" e por unha "gran banda".

Todos os concertos comezarán ás nove da noite e, ademais das entradas individuais para cada un deles, pódese adquirir un abono para os tres por 64 euros. "É un agasallo de Reis alternativo", destacou a edil de Cultura, Carmen Fouces.

Fouces destacou que Voices "singulariza" a Pontevedra á hora de programa música en directo, ao ofrecer concertos de artistas "moi destacados" e que son "difíciles de ver" nesta zona da península. Ademais, celebrou a "magnífica" resposta que sempre mostrou o público a estas propostas musicais.

A pesar de que, por agora, este ciclo musical está composto por estes tres concertos, os organizadores non descartan algunha "sorpresa" a maiores para completar a súa oferta.