The Rapants e El Drogas, á fronte dos cinco novos confirmados para Revenidas 2026

O Salnés
08 de abril 2026

Este segundo avance do festival, que se celebrará entre os días 10 e 13 de setembro en Vilaxoán, complétase con La Gossa Sorda, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra

The Rapants Andrea Sánchez - Festival Revenidas

Cinco nomes máis, de procedencias e de estilos absolutamente diversos, súmanse ao cartel do Revenidas 2026, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro.

Trátase de The Rapants, El Drogas, La Gossa Sorda, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra, segundo anunciaron este mércores os seus organizadores.

Así, na nova edición do Revenidas soará o novo disco de The Rapants, Rapants Club, que os de Muros presentaron hai uns días en Santiago ante máis de 6.000 espectadores e no que abrazan o música disco, a electrónica e os ritmos latinos.

Compartirán escenario cunha referencia do rock urbano estatal, Enrique Vilarreal, El Drogas, que repasará os himnos de toda a súa carreira, desde os tempos de Barricada ou Txarrena até os da súa actual etapa en solitario.

La Gossa Sorda, un dos grupos máis icónicos da música valenciana, tampouco se perderá este Revenidas, a única cita en Galicia da xira que quixeron facer tras dez anos retirados dos escenarios.

El DrogasFestival Revenidas

No festival de Vilaxoán, o público poderá gozar tamén da arxentina Sara Hebe, referente do rap e da música urbana e feminista en Latinoamérica; e de The Salsa Punk Orkestra, grupo que transforma clásicos do punk en vibrantes versións de salsa.

Todos eles súmanse aos artistas xa confirmados previamente polos responsables do festival, entre os que figuraban Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne e Nadie González.

En próximas datas, o Revenidas anunciará novos nomes que conformarán o seu cartel musical e avanzará algunhas das citas do seu programa de actividades paralelas.

Os abonos para Revenidas 2026 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 65 euros, máis gastos de xestión. As persoas que compren o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15 euros.

La Gossa SordaFestival Revenidas