'Ti non sabes o que é ser escritora' será presentado o Día da Poesía no Pazo provincial

Pontevedra
18 de marzo 2023

Este libro foi editado pola Deputación de Pontevedra no marco das accións postas en marcha ao abeiro do Manifesto de Soutomaior. Trátase dun volume de 126 páxinas que recolle dez textos literarios inéditos

A escritora Ledicia Costas, unha das autoras participantes
A escritora Ledicia Costas, unha das autoras participantes / Mónica Patxot

O 21 de marzo, con motivo da celebración do Día da Poesía, o Pazo Provincial acollerá a presentación, a partir das 19.00 horas, do libro 'Ti non sabes o que é ser escritora', un traballo que se inclúe no marco das accións desenvolvidas con motivo do Manifesto de Soutomaior

Este volume, publicado pola Deputación, contén 126 páxinas con dez textos literarios inéditos. Os textos pertencen ás autoras Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega.

Ademais ofrécense ilustracións realizadas por creativas como Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. Trátase de ilustracións e de textos que reflicten cuestións como, entre outras, o matrimonio forzoso, asasinatos machistas, violacións, bullying, acoso ou o perigo do aumento do machismo entre as xeracións máis novas.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, sinalaba que nesta edición figuran as máis grandes escritoras e ilustradoras galegas nun libro que concluía a súa impresión o 8 de marzo deste ano, cando se cumprían 16 meses da firma do Manifesto.

Durante o mércores 22 de marzo tamén se poñerá en marcha o programa 'Precursoras da sustentabilidade' no Pazo Provincial da Deputación a partir das 11.30 horas. Ofrecerá unha visión sobre a emerxencia planetaria desde a perspectiva das mulleres. 

Recuperarase a memoria de corenta mulleres activistas e científicas a través dun libro e dun vídeoxogo que permitirá ás persoas máis novas introducirse na biografía destas defensoras do coidado ambiental.