Tres palabras como base para crear un microrrelato en galego, proposta da Escola Oficial de Idiomas para o seu certame literario

Pontevedra
12 de abril 2021

A undécima edición deste Certame de Microrrelato en galego EOI de Pontevedra vai desenvolverse este xoves 15 de abril a partir das 19.30 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos malia que non estean matriculadas no centro. Repartiranse máis de 450 euros en premios aos participantes

Convocatoria do Certame de Microrrelato da EOI
Convocatoria do Certame de Microrrelato da EOI

Este xoves 15 de abril ás 19.30 horas vai desenvolverse o undécimo 'Certame de Microrrelato en galego EOI de Pontevedra', que organiza a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (EOI), en colaboración co Concello de Pontevedra.

Este certame ten a particularidade de que se realiza de forma presencial e os participantes deberán elaborar a súa historia "in situ", unha vez que coñezan as tres palabras que se indicarán ao inicio do concurso.

A escritora Ledicia Costas, a xornalista Susana Pedreira e o poeta e contador de historias Lois Pérez serán as tres persoas encargadas de propoñer as palabras base para a elaboración do relato, que non poderá superar as 150 palabras e deberá realizarse nun máximo de 110 minutos.

Todas aquelas persoas maiores de 14 anos que o desexen poden participar, malia que non estean matriculadas na EOI, tal e como se recolle nas bases deste certame creativo.

O concurso vai realizarse tanto no salón de actos da EOI como no IES Valle Inclán de Pontevedra. Tamén se habilitan outras dúas sedes no IES Antón Losada Diéguez da Estrada e no IES RAmón MA Aller Ulloa de Lalín. Os asistentes deberán atender ás normas sanitarias.

O primeiro premio será de 200 euros para a compra de libros ou material audiovisual en galego. Tamén haberá premios de 150 e 100 euros, ademais da opción de dous accésits de 50 euros cada un.

A resolución do xurado publicarase a través das redes sociais da EOI ou, se o permite a situación sanitaria, nunha gala que se celebrará no mes de maio nas instalacións situadas na Xunqueira.