O trompetista Esteban Batallán recibirá a Medalla Castelao 2026

Barro
23 de xuño 2026

Xunto con Esteban Batallán, recibirán esta medalla a científica Mar Capeáns, o atleta Adrián Ben, a propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre, e a Fundación Andrea

O trompetista Esteban Batallán
O trompetista Esteban Batallán / https://estebanbatallan.com/

Un dos músicos galegos de maior traxectoria internacional, o trompetista Esteban Batallán, recibirá unha das cinco Medallas Castelao que a Xunta entregará este ano.

Nacido en Barro en 1983, Batallán será o galardoado no ámbito cultural.

Tras formarse na comunidade -nos conservatorios de Pontevedra e Vigo ou na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia-, chegou a ser trompetista principal nas orquestras de Chicago e Hong Kong, entre outras.

Ademais, colaborou con orquestras sinfónicas de numerosos países.

Na actualidade, é membro do departamento de trompeta en DePaul University (Chicago) e profesor da Civic Orchestra, tamén en Chicago.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no campo artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual.

A gala de entrega terá lugar o próximo 28 de xuño, como todos os anos, coincidindo co aniversario da aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao.

Xunto con Esteban Batallán, recibirán esta medalla a científica Mar Capeáns, o atleta Adrián Ben ou a propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre.

Ademais, será recoñecida a Fundación Andrea, que atende a familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.