Ultraligera, Zahara, Alcalá Norte e Barry B completan o cartel do SonRías Baixas 2026

Bueu
12 de febreiro 2026
Actualizado: 14:07

O festival, entre os días 30 de xullo e 1 de agosto, volverá a mesturar artistas consolidados, novas voces da escena actual e unha decidida aposta polo talento emerxente

Ultraligera e Alcalá Norte
Ultraligera e Alcalá Norte / PontevedraViva

O SonRías Baixas desvelou este xoves todos os seus secretos. Tras un primeiro avance no que anunciara as actuacións de La M.O.D.A. ou La Pegatina, o festival de Bueu revelou toda a programación da súa próxima edición.

O recinto das Lagoas volverá a ser o epicentro do festival, entre os días 30 de xullo e 1 de agosto, no que se mesturarán artistas consolidados, novas voces da escena actual e unha decidida aposta polo talento emerxente.

Nomes clave do panorama estatal como Ultraligera, Zahara –que virá co seu formato 'rave'-, Alcalá Norte ou Barry B, serán algúns dos cabezas de cartel desta edición, reflectindo a riqueza creativa que se vive no momento actual.

Xunto a eles, SonRías Baixas incorpora bandas que xa están a definir o pulso dunha nova xeración, entre elas Veintiuno, Chiquita Movida, Sobrezero e Juventude.

Ademais de Zahara, a presenza feminina volve ocupar un lugar destacado nesta edición, con proxectos liderados por mulleres que sobresaen pola súa solidez e proxección, entre eles Alizza, Gara Durán, Hoonine e Cool Nenas.

O talento galego emerxente, pola súa banda, volverá ter un espazo destacado grazas á incorporación de bandas como Rager, Ulex e Quinkillada, en liña coa vontade do festival de servir como plataforma para novas propostas do territorio. 

O cartel complétase con propostas de gran conexión co público como Mr. Kilombo e coa participación internacional de Sonido Gallo Negro.

A programación nocturna contará ademais coas sesións de Kike Varela, NDLR, Duendeneta Dilleis e Eme DJ, encargados de prolongar a enerxía do festival ata o peche de cada xornada.

Os abonos para as tres xornadas do SonRías Baixas 2026 están dispoñibles a un prezo de 65 euros (gastos de xestión incluídos) a través de sonriasbaixas.info e enterticket.es