Un ano enteiro para dar a coñecer o patrimonio de Pontevedra

Pontevedra
04 de decembro 2016

Como adianto ao Ano do Patrimonio, a Deputación presentou este sábado o Mapa do Patrimonio, que recolle os elementos patrimoniais máis representativos de cada concello. Distribúese estes días no Culturgal e terá unha versión dixital cunha xeolocalización dos 400 elementos que recolle

Presentación do Ano do Patrimonio da Deputación Provincial no Culturgal
Presentación do Ano do Patrimonio da Deputación Provincial no Culturgal / Cristina Saiz

A piques de poñer fin ao Ano Castelao co que a Deputación Provincial de Pontevedra lembrou durante os útimos 12 meses ao polifacético artista, este sábado presentouse o novo proxecto central da programación cultural da institución: o Ano do Patrimonio, que se celebrará ao longo de 2017.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, presentou o proxecto no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, e indicou que prevé que sexa "un ano moi interesante" e tamén moi intenso, pois o patrimonio é "unha cuestión moi ampla" que vai dende o patrimonio industrial ao arqueolóxico ou o material, entre outras moitas posibilidades, que farán da cultura de Pontevedra "un referente" como xa está a acontecer co Ano Castelao. 

Como adianto xa dese ano intenso, desde a Deputación impulsouse o Mapa do Patrimonio, en cuxa elaboración participou o arqueólogo Fran Alonso, e que se presentou no Espazo Foro do Culturgal este sábado.

Trátase dun documento que recolle os elementos patrimoniais máis representativos e singulares de cada concello da provincia e distribúese estes días no stand da Deputación no Culturgal. Ademais, chegará a todos os municipios e terá unha versión dixital que se publicará na web da institución provincial cunha xeolocalización dos 400 elementos que recolle.

No Ano do Patrimonio, segundo avanzou Leal, os concellos van adquirir un grande protagonismo e as actividades levaranse por todos os recunchos da provincia. Ademais, adquirirán relevancia o Arquivo Provincial e o Museo de Pontevedra. Ao respecto, o deputado de Cultura resaltou que o patrimonio "leva promocionándose desde a fundación do Museo", que xa é todo "un referente en canto á conservación do patrimonio".

A Deputación conta cun posto no Culturgal no que participan 35 concellos da provincia con iniciativas relacionadas co patrimonio, tanto material como inmaterial. Ademais de repartirse folletos e dípticos, dúas pantallas permiten a proxección de vídeos divulgativos e promocionais, hai un espazo para consulta de publicacións e preséntase e permítese o uso da app educativa 'As viaxes de Castelao'. Ademais, os concellos poden facer micropresentacións para amosar a súa riqueza patrimonial.

A presenza da Deputación no Culturgal é xa evidente desde a entrada do recinto, onde ten un photocall da Gala Ano Castelao coa imaxe dun cartaz elaborado por Rei Zentolo, unha silueta de Castelao a tamaño real e antifaces coas icónicas gafas e sombreiro do autor. Con esta iniciativa búscase promocionar o espectáculo previsto como colofón ao Ano  Castelao o domingo 18 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Arquivado en