Un ciclo analizará no Principal como o cine reflicte a saúde mental

Pontevedra
15 de xaneiro 2020

Catro películas que mostran os mecanismos que o cine emprega para reflectir o espectro emocional e psíquico do ser humano. Son as que integran a programación do ciclo O oficio de vivir, un programa de cine e saúde mental que impulsa o colectivo Taller Abierto

Fotograma da película "Cisne negro"
Fotograma da película "Cisne negro" / PontevedraViva

Catro películas que mostran os mecanismos que o cine emprega para reflectir o espectro emocional e psíquico do ser humano. Son as que integran a programación do ciclo O oficio de vivir, un programa de cine e saúde mental que impulsa o colectivo Taller Abierto en colaboración co departamento municipal de Benestar Social.

As películas seleccionadas para este ciclo de cine son A habitación do fillo de Nanni Moretti (30 de xaneiro), Diario íntimo de Adèle H de François Truffaut (6 de febreiro), Cisne negro de Darren Aronofsky (13 de febreiro) e El de Luis Buñuel (20 de febreiro).

Todas as proxeccións serán no Teatro Principal a partir das sete da tarde.

Cada sesión incluirá unha presentación do filme a cargo do experto Suso Novás, a proxección da película e a intervención de Víctor Pedreira, especialista en Psiquiatría, que dará paso coas súas reflexións á apertura dunha quenda de preguntas e dun coloquio.