O 23 de abril celébrase o Día do Libro e a concellería de Cultura de Marín ten previsto un amplo abanico de actividades para tal data a pesar do confinamento. Por unha banda programaron un festival online de contacontos e, por outro, unha serie de recomendacións literarias para axudar aos marinenses para escoller a súa lectura para cada semana.
Baixo o título Que Lle Marín?, o persoal da Biblioteca Pública Vidal Pazos compartirá diferentes títulos, entre os que sempre haberá algunha obra en galego e castelán, para cada unha das franxas de idade: infantil, xuvenil e adulto.
Cada xoves publicarán os títulos coa súa correspondente ligazón de préstamo dixital no catálogo electrónico da Rede de Bibliotecas de Galicia (Galiciale.gal) no que xa nin sequera é preciso ter carné de usuario para poder acceder ao préstamo de libros electrónicos.
Durante a xornada do xoves tres artistas marinenses encherán de historias e maxia os fogares da vila a través de vídeos que colgarán nos perfís oficiais das redes sociais do Concello no seguinte horario: Tarabelos (17 horas), Mago Noel (18 horas) e Mago Paco (19 horas).