Tras o éxito das pasadas edicións, a Banda de Música de Salcedo volve iniciar o mes de xullo cunha nova entrega do seu ciclo musical. Será o décimo ano no que a formación pontevedresa organiza esta actividade cultural na cidade.
O ciclo abrirase este sábado 4 de xullo, a partir das 21.00 horas, na Praza do Teucro. O primeiro concerto será un encontro de bandas xuvenís. Por unha banda, a propia de Salcedo e pola outra a banda escola da Unión Musical de Valadares (Vigo).
A banda viguesa, dirixida por Maximino Iglesias Ramilo, interpretará un repertorio composto por pezas de Boudot, Pascual Veiga, Jacobe de Haan, Agustín Lara, Claude François e José María Tarridas. E a xuvenil de Salcedo, que conta con Marcel Van Bree na batuta, tocará obras de Jacobe de Haan, Warren Barker, Ferrer Ferrán ou James Swearingen, entre outros.
As próximas citas serán o sábado 11 de xullo cun encontro de corais no que participarán formacións chegadas de Chantada e Rábade (Lugo) xunto coa anfitriona; e o sábado 18 de xullo, día no que a Banda de Música de Salcedo compartirá o escenario da Praza do Teucro coa Banda de Música de Agolada.