Día histórico o que se viviu este mércores en Poio. Foi co izado, por primeira vez, da bandeira azul na praia do Laño, que ondeará todo o verán neste areal.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou durante o acto a importancia deste distintivo para o municipio e puxo en valor o traballo realizado para facer posible este recoñecemento.
"Estamos moi orgullosos desta bandeira porque é un distintivo que recoñece a calidade dun areal moi utilizado", subliñou Moldes, que sostivo que O Laño "é unha contorna única que merecía ondear por primeira vez esta bandeira".
A praia do Laño conta ademais co distintivo de sendeiro azul, consolidándose así como un dos espazos naturais de referencia do litoral de Poio.
A obtención da bandeira azul vai acompañada dunha mellora dos servizos que se prestan aos usuarios da praia do Laño.
Nesta tempada, o goberno municipal de Poio pon en marcha o servizo de socorrismo, incorpora unha bibliopraia, instala novos baños adaptados para persoas con mobilidade reducida e habilita un novo posto de socorrismo.
Este ano, ademais, é especialmente significativo para Poio porque, por primeira vez, tres praias do municipio locen a bandeira azul: O Laño, Cabeceira e Xiorto.
Para garantir a seguridade durante toda a campaña estival, un total de nove socorristas prestarán servizo nas praias do municipio.
Ademais, o Concello mantén instaladas durante todo o ano as boias de balizamento para reforzar a protección de bañistas e usuarios.
As actuacións de mellora completáronse tamén noutras praias.
En Cabeceira instaláronse a comezos de ano novos baños adaptados e un novo posto de socorrismo, mentres que na praia de Raxó tamén se renovou o posto destinado ao servizo de salvamento.
Con todas estas actuacións, o Concello de Poio afronta a tempada estival con máis calidade, máis servizos e máis seguridade nas súas praias, afirma o executivo municipal.