O Concello de Poio presentou o programa de actividades que deseñou para que nenos e mocidade do municipio goce das vacacións de verán.
Un verán, aseguran, "cheo" de actividades para pequenos e maiores.
A programación inclúe os Espazos Concilia, a Semana Máxica, Teatro Miúdo ou o campo de voluntariado Costa Azul.
Como novidade se suma ademais unha excursión familiar ao parque acuático de Amarante, en Portugal.
Os Espazos Concilia comezarán a funcionar o mércores 1 de xullo como unha das apostas para favorecer a conciliación das familias. Desenvolveranse nas intalaciones dos colexios de Viñas, Espedregada e Isidora Riestra ofertando máis de 1.000 prazas.
No que respecta ao Campamento Teatro Miúdo, está a desenvolverse en Raxó até o 30 de xuño, achegando o mundo do teatro aos nenos e nenas desde unha perspectiva do xogo, a imaxinación e a improvisación. Os participantes crean de feito a súa propia compañía teatral asumindo diferentes roles, artísticos e técnicos.
Outra das propostas é a Semana Máxica, dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. Trátase dunha iniciativa que combina praia, acampada, excursións e actividades de aventura, con tres días por quenda. Levarase a cabo en agosto en Samieira e as inscricións para participar abrirán a mediados de xullo.
A programación complétase co campo de voluntariado 'Costa Azul', dirixido a mozas de entre 18 e 30 anos organizado por terceiro ano consecutivo pola Xunta de Galicia. Terá lugar a finais de xullo cunha temática medioambiental e mariña e intervencións de limpeza do litoral previstas en espazos como Lourido, Combarro, a Illa de Tambo e Chancelas.
A novidade é a excursión ao parque acuático de Amarante, en Portugal, que terá lugar o domingo 5 de xullo, nunha xornada de convivencia para familias.