Un paseo pola Illa da Memoria

Pontevedra
12 de setembro 2020

As II Xornadas de Memoria Histórica que organiza a Deputación de Pontevedra abandonaron na tarde deste venres o recinto do Pazo da Cultura para dar un paseo pola illa de San Simón, ou "A Illa da Memoria" como o parlamentario do BNG, Luís Bará quere que a chamen

Visita á Illa de San Simón
Visita á Illa de San Simón /

As II Xornadas de Memoria Histórica que organiza a Deputación de Pontevedra abandonaron na tarde deste venres o recinto do Pazo da Cultura para dar un paseo pola illa de San Simón, ou "A Illa da Memoria" como o parlamentario do BNG, Luís Bará quere que a chamen.

O profesor Matías Rodríguez de la Torre foi o guía neste percorrido por este espazo de referencia na historia de Galicia.

San Simón conta con varios edificios que foron restaurados e conservados tal e como estaban. Alí houbo un cárcere, un campo de concentración na época franquista para enviar aos presos en condicións hixiénicas extremas. Noutro dos inmobles vese a cociña onde preparaban a comida, ou a residencia do director e os oficiais, que é o recinto máis alto do espazo natural.

Matías Rodríguez de la Torre insistiu na necesidade de que se realicen nesta illa actividades de recoñecemento ás vítimas do franquismo e que de realizarse outro tipo de actividades culturais estas garden un respecto absoluto polo seu pasado simbólico.

Matías Rodríguez insistiu en destacar o traballo das organizacións de todo o país agrupadas na rede de traballo da Iniciativa Galega pola Memoria, asegurando que son todos estes colectivos os que manteñen activas as iniciativas de recuperación da Memoria Histórica debido a que desde o ano 2009 en que mudou o Goberno galego xa non existen políticas públicas neste campo.