Un Quixote ilustrado por Manuel Torres para celebrar o Día do Libro en Marín

Marín
22 de abril 2021

A biblioteca municipal exhibe este venres unha obra especial, encadernada en pel e ilustrada por pintores galegos de renome sobre a obra cmio da literatura española

Exposición dun exemplar especial de Don Quijote na biblioteca de Marín
Exposición dun exemplar especial de Don Quijote na biblioteca de Marín / Concello de Marín

Marín celebra este venres o Día do Libro coa exposición dun especial exemplar do Don Quixote na biblioteca municipal. O libro está encadernado en pel en dous tomos e forma parte da colección limitada de 350 exemplares editada por Xuntanza Editorial no 1991.

Estes exemplares están ilustrados por pintores de renome, entre os que se atopa o artista marinense Manuel Torres e outras figuras destacadas como Laxeiro, Abelenda, Lodeiro, Conde Corbal ou Sucasas.

Sobre esta mostra, a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, reflexiona sobre "os libros, que son bens culturais imprescindibles, que nos acompañaron moito durante a pandemia, un momento especialmente delicado, pero que sempre forman parte das nosas vidas".

A exposición complétase con outra de libros infantís e xuvenís editados de forma recente para animar aos máis novos a sumarse ao interese pola lectura.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Rodríguez avanzou tamén que o prazo para presentarse ao concurso de Narrativa convocado polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas xa finalizou. Os manuscritos atópanse xa en mans do xurado, que os analizará e fará público o seu veredicto o 17 de maio.