Un recital a dez voces clausura o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra

Pontevedra
22 de abril 2018

Os poetas Miriam Ferradás, Keith Payne, Itxaro Borda, María Xosé Queizán, Dolors Miquel, Filipa Leal, Elías Portela, Aurelia Lassaque, Manuel Rivas e Juan Carlos Mestre xuntaron as súas voces este sábado nun único recital que puxo fin á oitava edición de PontePoética 

 Recital de clausura de Pontepoética 2018 con todos os poetas participantes
Recital de clausura de Pontepoética 2018 con todos os poetas participantes / Diego Torrado

Os poetas Miriam Ferradás, Keith Payne, Itxaro Borda, María Xosé Queizán, Dolors Miquel, Filipa Leal, Elías Portela, Aurelia Lassaque, Manuel Rivas e Juan Carlos Mestre xuntaron as súas voces este sábado nun único recital presentado por Yolanda Castaño que puxo fin a dous días de poesía en Pontevedra. 

O recital a dez voces permitiu aos asistentes ao Teatro Principal de Pontevedra escoitar a voz dos poetas participantes nas súas linguas orixinais, coas traduccións proxectadas. As voces foron, ademais, unha maioría feminina.

Esta cita foi a clausura oficial da oitava edición do Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, PontePoética, se ben este domingo aínda queda un pequeno agasallo para os amantes da arte e da poesía, pois está programado na Casa da Luz un último obradoiro dentro da programación. A cita será a partir das 11.00 horas con Juan Carlos Mestre. 

Pontepoética comezou este venres 20 e ata este domingo 22 de abril encheu de poesía tres escenarios diferentes da cidade de Pontevedra: o Teatro Principal, a Casa da Luz e o Pub El Pequeño.

Como en edicións pasadas, houbo recitais poéticos en sete linguas (as cinco de Iberia máis occitano e islandés); encontros poéticos con alumnado dos IES Valle Inclán, Frei Sarmiento e Luís Seoane; obradoiros; e o gran recital de clausura deste sábado.