Un reencontro moi esperado cos Domingos do Principal

Pontevedra
21 de febreiro 2021

Coa versión libre de 'Hansel e Gretel', a cargo da compañía vasca Borobil Teatroa, retomouse o programa Domingos do Principal, adaptándoo ás novas restricións que entraron en vigor o pasado 17 de febreiro

'Hansel y Gretel' nos Domingos do Principal
'Hansel y Gretel' nos Domingos do Principal

Juan Mari é un afamado cociñeiro. O seu restaurante ía vento en popa ata que desaparecen todas as receitas do mundo. Ninguén consegue elaborar un prato. Ninguén se acorda de como se cociña, así que todo o mundo aliméntase de "Amonioburguesas". O seu restaurante non vai ben. O banco vai quedar co local se non paga o que debe. Os seus fillos Ander e Greta deciden axudarlle. O curioso é que, a partir deste intre, empezan a desaparecer os nenos…

Esta é a versión libre de 'Hansel e Gretel', a cargo da compañía vasca Borobil Teatroa, que este domingo chegou ao Teatro Principal nas dúas sesións das 12:00 e das 18:30 horas.

Os autores da obra son os irmáns Grimm, e Anartz Zuazua é o director. En canto ao elenco de actores, comparten escenario Kepa Errasti, Libe Aranburu e Asier Oruesagasti.

Desta maneira retomouse o programa Domingos do Principal, adaptándoo ás novas restricións que entraron en vigor o pasado 17 de febreiro. Están, por tanto, adaptados aos novos aforos permitidos e a todas aquelas medidas de seguridade oportunas.

O programa Domingos do Principal continuará, a partir de agora, coa programación prevista. Ademais tamén engade tres xornadas, nos meses de abril e maio, na que reprogramaron as obras que habían sen representar debido ás restricións sanitarias.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora