Un texto de Manuel Lourenzo reúne nunha exposición do Museo a catro artistas

Pontevedra
18 de abril 2023

Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane ofrecen os seus traballos na mostra 'Había outra vez...', organizada co Concello de Pontevedra e O Salón do Libro. Será inaugurada o sábado 22 de abril no Edificio Sarmiento

Obra de Belén Padrón: Divertimento
Obra de Belén Padrón: Divertimento / Deputación de Pontevedra - Museo de Pontevedra

Con motivo do XXIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o Museo inaugura o sábado 22 de abril ás 12.00 horas no Edificio Sarmiento unha mostra titulada 'Había outra vez...'

Esta exposición parte dun texto de Manuel Lourenzo González, autor que se homenaxea nesta edición do Salón. A través deste traballo van unirse catro artistas vencellados á cidade como é o caso de Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane.

A exposición poderá visitarse ata o 21 de maio e ofrece pinturas con estilos e técnicas diferentes recollendo un discurso coherente con suxestións sobre a proposta narrativa de Lourenzo González, que ofrece a historia dunha enigmática viaxe dun mozo, obrigado a camiñar por rúas laberínticas e que busca recuperar a súa vida e o seu pasado.

"O Visitante espertou, cando apenas abría o día, no medio a medio da praza", con este inicio do relato, o escritor nado en Vilaboa propón un xogo que é recreado polos catro artistas a través das súas obras.

O Concello de Pontevedra e O Salón do Libro Infantil e Xuvenil colaboran na organización desta montaxe visual aproveitando a celebración do 21 de abril ao 7 de maio da 24 edición da cita literaria no Pazo da Cultura.