Un total de 991 curtametraxes inscribíronse no Festival Visualízame que organiza Fundación Inquietarte e a UNED Pontevedra nas súas dúas seccións de ‘Audiovisual e Muller’ (578 inscricións) e ‘Visualízame na túa Memoria (413 inscricións). Destes a organización admitiu a concurso 292 na primeira sección e 171 na segunda. Á súa vez, destes, resultaron finalistas 48 na XIV edición de Visualízame ‘Audiovisual e Muller’ e 27 na IV edición de ‘Visualízame na túa Memoria’.
As proxeccións de todas estas curtametraxes que compiten polos diferentes premios realizaranse na sede de UNED Pontevedra durante as mañás e tardes dos días 8, 9 e 10 de maio. Tamén se poderán ver en liña a través da páxina web do centro asociado da UNED en Pontevedra.
O mércores 8 proxectaranse 33 curtametraxes. O xoves 9 proxectaranse 27 curtos e o venres 10 proxectaranse 15 curtametraxes cun total de 16 horas de cinema durante tres días.
Os países de procedencia das curtametraxes son ademais de España, Marrocos, Francia, Serbia, México, Perú, Arxentina, Chile, Líbano, USA, Bélxica, Cuba, Brasil, Perú, Irán, Reino Unido e Nova Zelandia. Presentáronse curtametraxes de ficción, documental, animación e videodanza.
A historiadora Verónica Sierra Blas e a xornalista e divulgadora Nieves Concostrina pecharán o festival de curtametraxes ‘Visualízame na túa Memoria’ con senllas intervencións o venres 10 de maio pola tarde, a partir das 19 horas, no salón de actos do Centro UNED de Pontevedra.
Ao longo destes catorce anos foron máis de 14.000 curtametraxes os que participaron no festival e máis de 25 centros educativos e preto de 6.000 estudantes os que asistiron ao desenvolvemento da itinerancia educativa de Visualízame. É o único festival de curtametraxes, celebrado en España, cuxo xurado, integrado por profesionais dos ámbitos cinematográfico, educativo e xornalístico, foi e é quen persoalmente achega a contía económica dos premios.
A directora do Festival Visualízame é Yolanda Cruz López quen tamén conta coa colaboración do Ministerio de Política Territorial e Presidencia do Goberno de España, que premia á mellor curtametraxe presentada a ‘Visualízame na túa Memoria’, Enalta e a Cátedra UNESCO Paz e Solidariedade e diálogo intercultural.