Unha escolma de mantóns achegan 'Galicia, a terra dos mil panos' ao Museo

Pontevedra
18 de xullo 2019

Van amosarse máis dun cento de pezas téxtiles pertencentes á Asociación Sete Espadelas e a propietarios particulares. A mostra poderá verse entre o vindeiro 24 de xullo e o 1 de setembro 

Programa da exposición ‘Galicia, a terra dos mil panos’
Programa da exposición ‘Galicia, a terra dos mil panos’

Entre o 24 de xullo e o 1 de setembro, o Museo de Pontevedra acollerá a exposición 'Galicia, a terra dos mil panos'. Nesta proposta faise unha selección de máis dun cento de mantóns e tecidos orixinais que foron empregados pola cidadanía galega durante os séculos XIX e principios do XX.

Esta mostra, recollida grazas ás aportacións da asociación Sete Espadelas e de propietarios particulares, é unha oportunidade única para ver pezas dunha categoría importante, "pode que maxistrais", indicaba na presentación o comisario da exposición e responsable de Sete Espadelas, José Luis Rodríguez.

Trátase de tecidos delicados que precisan dunhas condicións determinadas de luz para que poidan ser exhibidos. A meirande parte das pezas expostas poderán verse adornando maniquís, malia que tamén se verá unha selección gardada en vitrinas, como un mantón cantonés que data do ano 1840.

É a primeira vez que se realiza unha exposición destas características na comunidade autónoma e nela se atoparán desde panos de laire ata os de oito puntas de Paisley, confeccionados en seda, procedentes da India a través dos soldados do Imperio Británico que os trasladaron a Escocia para finalmente rematar en Galicia.