Unha exposición afondará en Lérez sobre o servizo militar e o servizo social feminino

Pontevedra
31 de xullo 2024

A Casa da Cultura de Lérez acolle desde este próximo venres 2 de agosto a exposición 'Marcando o paso, imaxes da mili e do servizo social feminino' que organiza a Asociación Cedofeita. Poderase visitar ata o martes día 6 (inclusive) en horario de 11.00 a 14.00 horas e polas tardes de 19.00 a 22.00 horas

Imaxe do cartaz da exposición 'Marcando o paso'
Imaxe do cartaz da exposición 'Marcando o paso' / A. Cedofeita

A Casa da Cultura de Lérez acolle desde este próximo venres 2 de agosto a exposición 'Marcando o paso, imaxes da mili e do servizo social feminino' que organiza a Asociación Cedofeita.

Inaugurarase ao mediodía e poderase visitar ata o martes día 6 (inclusive) en horario de 11.00 a 14.00 horas e polas tardes de 19.00 a 22.00 horas.

A mostra exhibe textos, documentos e case duascentas fotografías que plasman aquel servizo militar obrigatorio que ata 2001 tiña que realizar, alcanzada a maioría de idade, a poboación masculina; así como do servizo social feminino que estivo vixente entre 1937 e 1978 e tamén era obrigatorio para a poboación feminina entre 17 e 35 anos, se estaban solteiras.

A Asociación Cedofeita de Lérez recompila imaxes dos labores domésticos que tiñan que realizar, no caso das mulleres; e no caso deles, instantáneas de marchas e manobras militares, desembarcos, camuflaxes, lugares como os comedores colectivos, as cantinas ou os barracóns de liteiras onde se durmía.