Unha fantástica 'Malasombra' ilumina os Domingos do Principal

Pontevedra
18 de xaneiro 2015

A compañía Au Ments Dansa Teatre das Illas Baleares ofreceu unha versión espectacular do conto de 'A marabillosa historia de Peteer Schlemihl'. O vindeiro domingo continuarán os Domingos do Principal con dobre función de 'Bailando sin zapatos'

 'Malasombra' da compañía Au Ments
'Malasombra' da compañía Au Ments / Diego Torrado

Unha montaxe chea de sombras e de xogos de luz permitiu trasladar ao Teatro Principal en sesión matinal e vespertina o conto de 'A marabillosa historia de Peter Schlemihl' de Adelbert von Chamisso. A compañía balear Au Ments Dansa-Teatre ofreceu este espectáculo, Malasombra, baseado nunha novela romántica na que a sombra é asimilada á alma ou ao dobre dun mesmo pero sorprendentemente é roubada.

Esta obra recibiu os premios Escénica 2011 á mellor escenografía, mellor iluminación, mellor intérprete de danza e mellor espectáculo de danza e foi candidata ao premio revelación Max 2012.

O próximo domingo 25 continuarán as sesións teatrais do ciclo para nenos Domingos do Principal coa representación, ás 12.00 e ás 18:30 horas de Bailando sen zapatos a cargo da agrupación andaluza LaSal Teatro. Un espectáculo de teatro de actor no que o argumento xira entorno a un home que busca a alguén que escoite o mundo. Dura 45 minutos e está recomendado para nenos a partir dos catro anos.