Unha gala "multidisciplinar" no Pazo da Cultura pechará o Ano Castelao

Pontevedra
24 de novembro 2016

A gala, que se celebrará o domingo 18 de decembro, estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coas actuacións de Carlos Blanco e Luis Davila, Xurxo Souto e Lydia Botana, Celso Parada, Limiar Teatro e 2naFronteira

Presentación da gala de peche do Ano Castelao
Presentación da gala de peche do Ano Castelao / PontevedraViva

O Pazo da Cultura de Pontevedra é o escenario elixido para pechar o Ano Castelao, impulsado pola Deputación con diferentes actividades ao longo do ano e por toda a provincia.

O domingo 18 de decembro, desde as 18:00 horas, o auditorio pontevedrés acollerá unha gala con diversas actuacións, facendo honra a un Castelao que "foi un artista multidisciplinar e poliédrico", sinalou o deputado provincial Xosé Leal.

A actriz Bea Campos será a encargada de conducir un espectáculo no que o protagonismo recaerá na música, o teatro e o humor.

Desta forma a gala contará con Carlos Blanco e Luís Davila cun espectáculo de humor gráfico; Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira encargaranse da parte musical; mentres as pezas teatrais correrán a cargo de Celso Parada e Limiar Teatro. Completará a programación un espazo infantil atendido por Polo Correo do Vento.

A entrada para o evento será de balde, aínda que será necesario retirar unha invitación previa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na sede viguesa da Deputación, a partir do día 1 de decembro.

Á presentación da gala acudiron, ademais do deputado Xosé Leal e a presentadora Bea Campos, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e o autor do cartaz promocional, Pablo Zentolo.