Unha mostra no Arquivo Provincial repasa o papel das mulleres na historia

Pontevedra
09 de xuño 2022

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra sumouse este xoves á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos coa inauguración da exposición 'A muller', que inclúe unha trintena de documentos que están custodiados no arquivo relacionados co papel e a situación da muller

Anxo Lorenzo inaugurou a exposición 'A Muller'
Anxo Lorenzo inaugurou a exposición 'A Muller' / Xunta de Galicia

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra sumouse este xoves á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos coa inauguración dunha exposición que repasa o papel das mulleres na historia.

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este xoves a exposición, 'A muller', que inclúe unha trintena de documentos que están custodiados no arquivo relacionados co papel e a situación da muller.

Comisariada por Beatriz Prego e Fernando Amado, persoal técnico do centro, esta mostra busca amosar ao público a través de documentos de distintas épocas, as posibilidades que ofrece o arquivo para poder coñecer a historia das mulleres desde diversas perspectivas. 

Anxo Lorenzo destacou a contribución que os arquivos históricos están a ter para manter viva a memoria de Galicia e considera que este mostra é un claro exemplo.

A programación do Día Internacional dos Arquivos incluirá este venres unha xornada de portas abertas e visita guiada e mostra de documentos da exposición.

Tamén se celebrará a conferencia 'Nunca invisibles: as mulleres nos documentos da Idade Moderna' ás 19,00 horas e a continuación, ás 20,00 horas unha velada musical a cargo de Clara Pino (voz e arpa celta) e Pablo Vidal (contrabaixo). Trátase de prazas limitadas ata completar aforamento.