A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix organizou este martes un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sobre a escritora María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.
A tamén escritoria Fina Casalderrey destacou que foi "unha das pioneiras en abrir as portas da literatura infantil e xuvenil" ao galego e tivo o mérito engadido de "abrazar unha lingua que fixo súa". Ademais, destacou que era un "ser humano excepcional".
As xornadas 'Desfacendo a raia' tamén contaron coa participación do ilustrador Manuel Uhía, que traballou coa homenaxeada, e teñen o obxectivo de pór en valor tanto a literatura infantil e xuvenil e a literatura feita por mulleres.
A segunda edición destas xornadas foi inaugurada polo docente e secretario da Comisión PEA-Unesco do centro, Miguel Cuevas, e o presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo. Cuevas lembrou que esta actividade insírese no mes da memoria e da muller, que leva anos celebrándose na facultade.
Uhía lembrou o momento no que coñeceu a María Victoria Moreno e esta o convidou a ilustrar o que sería o seu primeiro libro e Casalderrey quixo lembrar tanto as virtudes literarias como persoais dunha escritora coa que "tiven a sorte de convivir bastante de preto os seus últimos 15 anos".
Casalderrey salientou que esta catedrática de ensino secundario "non escribiu moito porque para ela o primeiro era o alumnado, os seus cachorros, como lles chamaba" e "dicía cousas como que o meu corazón florece nas aulas".
A escritora destacou a importancia de libros como Mar Adiante, de 1973, "un deses libros pioneiros da literatura infantil que hoxe segue a ser un libro extraordinario"; Anagnórise, "o seu libro máis celebrado"; ou Diario da luz e da sombra, publicado o ano antes do seu falecemento, "no que se abre a corazón aberto, un libro que foi como un último testamento vital, ademais dunha marabillosa peza literaria".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.