A música urbana volverá ter un espazo específico nas Festas de Verán de Pontevedra. Farao cunha nova edición do ciclo Urbana Monte Porreiro.
Será os días 4 e 5 de agosto no parque do Miradoiro, segundo confirmou este venres o goberno municipal, que aproveitou ademais para desvelar unha das súas actuacións.
9Louro, un artista que tras un ascenso meteórico é xa unha referencia dentro da música urbana galega, será un dos grandes atractivos desta aposta festiva.
Actuará o martes 4 de agosto, a partir das 22:30 horas.
A súa proposta innovadora combina os ritmos da cultura galega con influencias do afro, do funk brasileiro ou do trap.
Con todo iso, crea un son único que reflicte unha fusión entre a tradición e a modernidade, creando unhas vibras moi persoais.
Editou en 2023 o seu primeiro EP, Siempre en la tormenta, traballo ao que seguiu, un ano despois o seu primeiro disco, Nove noves.
O seu segundo álbum, Amorrer, publicado este ano confirmouno entre as grandes promesas da música galega.
Nel, colaboran Xanma Louro -o seu irmán- e Samuel González, membros de The Rapants, Ortiga, West Srk, Chris Indian ou Lil Chachi.