Representantes dalgunhas das principais produtoras estatais e internacionais percorrerán a provincia desde este xoves 23 de febreiro e ata o vindeiro luns, no marco dunha viaxe de familiarización impulsada pola Pontevedra Provincia Film Commission e a Vigo Film Office.
Son produtoras que traballaron para series e películas como "La casa de papel", "The Crown", "Cuéntame como pasó", "Vampire Academy", "Días mejores", "Criminal", "Piedad", "El Cuarto Pasajero" ou "Perfectos Desconocidos" e para spots publicitarios de marcas internacionais.
Visitarán Baiona, Bueu, A Guarda, Oia, Pontevedra, Tui e Vigo para coñecer espazos relacionados co patrimonio cultural e natural, portos, illas, praias e conxuntos históricos para posibles localizacións de grandes producións audiovisuais.
Por outra banda, a Deputación de Pontevedra ten pechada xa unha completa axenda durante este primeiro trimestre de ano para reforzar a Pontevedra Provincia Film Commission e a captación de rodaxes audiovisuais.
A axenda da entidade comezou en xaneiro en Madrid, cun stand propio en Fitur Screen e a presentación do destino ante produtoras internacionais e estatais durante a feira. Trala viaxe de familiarización desta fin de semana, en marzo unha delegación da Pontevedra Provincia Film Commission desprazarase ao Festival de Cine de Málaga.
Alí, do 14 ao 16 de marzo, terá un lugar privilexiado na súa sesión profesional onde reforzará o traballo en rede no seo da Spain Film Commission e posicionará o destino Pontevedra Provincia como territorio ideal para producións audiovisuais tanto polos recursos das localizacións como polos servizos de aloxamento, comunicacións e instalacións que a provincia ofrece. Tamén divulgará o sector audiovisual da provincia, que vén de colleitar premios nos Goya e na Berlinale, como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos da provincia.