VÍDEO.- Músicos de Pontevedra únense para crear "Mañá", o "himno da recuperación" da cidade

Pontevedra
07 de maio 2020

Este traballo foi coordinado por Thomas Argibay Walker e Mariña Paz, vocalista de Furious Monkey House. Ambos, con tan só 18 e 16 anos respectivamente, foron os compositores desta canción, cuxa produción correu a cargo de Gonzalo Maceira e Iago Lorenzo

Videoclip da canción "Mañá"
Videoclip da canción "Mañá" / PontevedraViva

A unión sempre fai a forza. Non hai expresión máis acertada para explicar o proxecto musical no que se embarcaron unha vintena de artistas de Pontevedra.

Inspirados polo momento que atravesa o país debido á crise sanitaria do coronavirus, crearon unha canción que promete converterse no himno da cidade para afrontar o ansiado proceso de recuperación desta pandemia.

O tema, que foi titulado Mañá, estreouse este xoves na canle que o Concello de Pontevedra ten activado en Youtube.

Este traballo foi coordinado por Thomas Argibay Walker e Mariña Paz, vocalista de Furious Monkey House. Ambos, con tan só 18 e 16 anos respectivamente, foron os compositores desta canción, cuxa produción correu a cargo de Gonzalo Maceira e Iago Lorenzo.

Ao principio, recoñece Mariña, "foi un pouco caótico porque non sabiamos como facelo", xa que os artistas participantes teñen "estilos moi diferentes" entre si, pero asegura que "quedamos moi contentos co resultado".

Todos eles, engade a artista pontevedresa, "puxeron da súa parte" e así, por exemplo, músicos como Violeta Mosquera, Laura García e Camilo, asinan tamén a letra deste tema.

Thomas, cuxo talento artístico xa foi premiado no certame Ben Veñas Maio, explicou que "por separado non sairía tan ben como saiu". Así, ambos non descartan "seguir facendo música xuntos nun futuro", asegura Mariña.

Na canción, ademais de todos os xa nomeados, colaboraron artistas como Soulmacklein, Malecho, Checho Malkeda, Dani (Singer stitch), Laura G. Villar, Lope, Rodrigo Valiente, José Barros, Tea é un paxaro, Sara López e Xaquín Moreda de Maravallada.

O videoclip da canción, que en parte foi gravado nunha Pontevedra deserta polo coronavirus, foi realizado por José Aragunde e Ana Seoane, que colaborou co deseño gráfico e as animacións que se poden ver na peza.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que esta canción "paréceme marabillosa" e mostrouse convencido de que estará no " top ten" dos temas do verán pontevedrés.

Destacou ademais que se trata dunha canción "de aquí e feita con xente de aquí", o que contribúe a visibilizar a "gran potencia" musical que hai na cidade, especialmente entre a xente nova. Con ela, sinalou Fernández Lores, "queremos animar á xente para que pense que vai a haber un día despois de todo isto e cunha certa garantía de futuro".

Todos os artistas que participaron manterán un encontro virtual, mañá venres ás sete da tarde, que se emitirá a través do Youtube do Concello.

Ademais, o edil responsable de Xuventude, Alberto Oubiña, anima a que todos os cidadáns compartan a canción a través das súas redes sociais e engadiu que "a ver se a escoitamos desde os balcóns".