O vindeiro fin de semana do 21 de febreiro, Vilagarcía acollerá a obra de teatro "Sempre Rosalía", un espectáculo itinerante organizado polo Concello para conmemorar o aniversario do nacemento da escritora, o 23 de febreiro.
A Concellería de cultura presentou a actividade a mañá do martes 18 na Sociedade O Gato Negro do Carril.
Esta iniciativa desenvolverase nos diferentes centros socioculturais e na Biblioteca Municipal entre o venres 21 e o domingo 23 de febreiro, con entrada de balde.
"Sempre Rosalía" é unha proposta de Producións Dispersas, unha obra de 20 minutos de duración pensada para todos os públicos.
O espectáculo, composto de poesía e humor, presenta unha visión diferente de Rosalía de Castro.
A obra aléxase dos estereotipos para ofrecer unha mirada máis realista e contemporánea da autora, resaltando a súa faceta máis humana e multifacética.
A trama desenvólvese a través dunha conversa entre a propia Rosalía, interpretada por Ana Ponte, e un dos seus biógrafos, interpretado por Diego Freire.
Realizaranse funcións sucesivas en diferentes lugares do municipio grazas á súa montaxe sinxela e a súa curta duración. A que inicie a xira estrearase no Carril, un enclave especial para a autora.
As primeiras obras comezarán o venres ás 17:00 horas no Centro Cultural de Bamio e continuarán en O Gato Negro, Trabanca Sardiñeira e en Guillán.
O sábado ás 12:30 horas representarase na Biblioteca Rosalía de Castro e pola tarde, a partir das 17:00 horas, en Faxilde, Vilaxoán, Sobradelo e Trabanca Badiña.
O último día é o domingo 23. Ás 12:00 horas da mañá no Centro Cultural de Solobeira, e ás 13:00 horas en Rubiáns. Continuarán pola tarde a partir das 17:00 nos Borrizos de Cornazo, despois irán á Laxe, ao Centro Cultural Grupo de San Roque e pecharán a xira no Breogán do Piñeiriño.