Vilagarcía será a Cidade de Libro do 21 ao 27 de xuño

O Salnés
14 de xuño 2021

18 escritores do ámbito nacional, galego e local confirmaron a súa participación no evento literario que na súa primeira edición está dedicada á literatura ligada á tradición Xacobea. Grandes firmas como Jorge Molist, María Oruña, Idelfonso Falcones, e Domingo Villar; xunto con autores destacados nas lista de ventas, como Manuel Loureiro, Nacho Carretero ou Pedro Feijoo participarán nesta cita

Cartel de 'Vilagarcía, cidade de Libro' Concello de Vilagarcía de Arousa

A partir do luns 21 de xuño, Vilagarcía de Arousa poñerá en marcha un proxecto orixinal de feira do libro que, ademais de casetas de editoriais, presentacións e sinaturas de libros, ofrecerá un amplo programa de actividades dirixidas a diversos públicos e a todas as idades en relación coa difusión da literatura e o fomento da lectura.

O evento denominado 'Vilagarcía, Cidade do Libro' desenvolverase ao aire libre con entrada gratuíta ata completar o límite de persoas establecido polos protocolos covid. A única excepción a esta práctica será o caso dos roteiros literarios, para as que será preciso inscribirse previamente.

Nesta primeira edición, a cita céntrase na tradición Xacobea, contando co patrocinio da Consellería de Cultura a través do Xacobeo, promocionando o Roteiro Marítimo Fluvial Xacobea. 

Pero ao longo da semana iranse tratando outros temas como o papel da muller na literatura, a novela histórica, a relación entre o cinema e a literatura, a novela negra, a literatura infantil e xuvenil ou as historias de fantasía e ciencia ficción.

Organizado polo  Concello de Vilagarcía, promocionarase a autores locais e galegos como Carlos Meixide, autor de 'Camiño de paixóns', primeiro premio de novela Camiño de Santiago; Marcos Calveiro, autor de 'O xardineiro dos ingleses' Montse Fajardo, autora de 'Invisibles; e Manuel Oubiña Losada, escritor de 'O misterio da illa de Cortegada'.

Tamén terán cabida ilustradores como Kiko Da Silva e Miguelanxo Prado ou guionistas como Elio Quiroga. En total 18 escritores pasarán por este evento que durará ata o 27 de xuño con firmas como Jorge  Molist, María Oruña, Idelfonso Falcones, Domingo Villar, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas ou Paula Carballeira; ademais de autores que lideran listas de vendas como Nacho Carretero, Pedro Feijoo ou Manuel Loureiro.