Unha violagambista pontevedresa participará en Austria no concerto benéfico por Valencia da Universität Mozarteum

Pontevedra
04 de febreiro 2025
Actualizado: 13:34

Alicia Saiz formará parte dos cinco alumnos e exalumnos da Universität Mozarteum en Salzburgo, Austria, que recadarán fondos para a Unió Musical Paiporta, escola afectada polas inundacións da dana

Alicia Saiz Abelleira
Alicia Saiz Abelleira / Cristina Saiz

Alicia Saiz Abelleira, nacida en Pontevedra e graduada no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, é unha dos cinco alumnos e ex alumnos da Universität Mozarteum de Salzburgo, Austria, que organizou un concerto benéfico en apoio ás rexións afectadas polas inundacións da dana en Valencia.

Alicia comezou os seus estudos en viola de gamba con dez anos, e ao finalizar o Grao Profesional en Pontevedra no 2020, iniciou os seus estudos de Bachelor of Arts in Viola da Gamba con Vittorio Ghielmi na Universität Mozarteum.

Na cidade do Lérez o seu mestre foi Arquímedes Artal, a quen Alicia Saiz ten como referente porque foi quen a animou a seguir a carreira musical con este instrumento.

Recentemente graduada tras recibir o título o pasado xuño, e actualmente estudando un mestrado na mesma universidade, será unha dos instrumentistas que actuará este 5 de febreiro ás 19:00 horas no auditorio do conservatorio.

Concerto en Großer Saal Stiftung Mozarteum o pasado 17 de xaneiro
Concerto en Großer Saal Stiftung Mozarteum o pasado 17 de xaneiro Alicia Saiz Abelleira

Este concerto, no que se interpretarán obras mestras españolas que abarcarán do século XVI ata obras contemporáneas, doará todo o diñeiro recadado a Unió Musical Paiporta, unha escola de música de Paiporta, Valencia, na que estudou Berta Belinchón, unha das participantes do concerto.

Esta escola forma parte da zona afectada pola dana, polo que que sufriu graves desfeitas por valor de 300.00 euros, entre os que se atopan a destrución da sala de ensaio e instrumentos, xunto a mobles e outros equipos.

As doazóns recadadas utilizaranse para a reconstrución de infraestruturas, a restauración de instrumentos e outros arquivos, e o apoio para a continuación das actividades da escola. 

Esta iniciativa segue o exemplo de "Music for Valencia", a primeira proposta solidaria musical creada co obxectivo de axudar aos afectados pola dana, creada en Holanda polo trompetista valenciano Adrián Martínez Martínez.

Este proxecto continúa en activo, realizando concertos en diferentes partes do mundo, aos que se pode acceder tanto en directo como vía "livestream". 

Actualmente, a campaña conta cun 'crowfunding' que leva 7274 eurosrecadados e que continúa a recibir doazóns.