O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou este mércores a Casa Museo Valle Inclán, que reabre as súas portas en Vilanova de Arousa tras un proceso de rehabilitación.
A Casa Museo Valle Inclán é un Ben de Interese Cultural que volve abrir as súas portas tras os traballos acometidos, aos que se destinaron 546.701 euros.
Entre os traballos realizados na que fora a vivenda natal do escritor incluíronse melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade -ao habilitar un ascensor e unha rampla-, eliminación de humidades ou actuacións no xardín e a contorna do museo.
Rueda resaltou a importancia de restaurar este inmoble que permite "coñecer un pouco máis a un magnífico literato coma Valle-Inclán e a época na que viviu". O presidente salientou que tras a reforma, a Casa Museo está "ben acondicionada, é acolledora e un plan perfecto para a xente que nos visita durante todo o ano".
Rueda destacou que a paisaxe, o patrimonio cultural ou a gastronomía son os principais atractivos turísticos de Galicia ao longo de todo ano que cómpre "coidar, mimar e seguir facendo sostibles". "O turismo é unha parte moi importante da economía" e contribúe a facer "marca Galicia", sinalou.
O presidente da Xunta salientou que Galicia segue a consolidarse como un destino turístico sostible que atrae cada vez a máis viaxeiros e durante todo o ano, non só nos meses de verán.
Tras acadar o récord de sete millóns de turistas aloxados durante 2023, a comunidade segue a rexistrar datos históricos neste 2024 con máis de 405.000 pernoctacións no mes de Entroido, o pasado febreiro, o dato máis alto dos últimos once anos e que axuda a avanzar na desestacionalización.
Ademais, o presidente aludiu as boas previsións turísticas de Galicia para esta Semana Santa, onde o sector agarda unha ocupación de entre o 70 e o 80 % que podería mesmo superar o 90 % nalgunhas zonas como Santiago de Compostela, Ribeira Sacra ou Costa da Morte, entre outras.
Rueda fixo fincapé no papel que o Camiño de Santiago ten á hora de atraer viaxeiros a Galicia e na importancia de preservar os bens culturais que hai nas diferentes rutas. Nesta liña, a Xunta ten en marcha o Plan Xacobeo Next Generation que, entre outras iniciativas, destina 24,4 millóns de euros á rehabilitación e conservación de doce Bens de Interese Cultural (BIC) de titularidade pública que hai no Camiño.