Vive os nervios previos a unha representación teatral con Lucecús Teatro

Pontevedra
19 de abril 2017

A compañía profesional lucense representará o espectáculo A órbita do lucecú este sábado 22 ás 21:30 horas dentro do programa “Noites Abertas”  cunha actividade para descobrir o teatro por dentro e un coloquio posterior á representación no Teatro Principal

A compañía Lucecús Teatro
A compañía Lucecús Teatro

Como se preparan os actores antes de saír a escena? Que exercicios realizan? Como quentan? Como interiorizan o espazo? Todas estas preguntas e máis serán resoltas a aquelas persoas que queiran participar na actividade 'Descobre o teatro por dentro' que se levará a cabo este sábado 22 no Teatro Principal de Pontevedra a partir das 20.00 horas.

Os premiados integrantes de Ibuprofeno Teatro, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, explicarán a montaxe da compañía Lucecús Teatro, que representará a partir das 21.30 horas o espectáculo 'A órbita do lucecú' no escenario pontevedrés. A iniciativa inclúese no programa de 'Noites Abertas', que organiza a concellería de Xuventude.

O espectáculo está dirixido por Marián Bañobre e por Santiago Cortegoso e trátase da primeira creación escénica da compañía luguesa Lucecús. A obra explora as relacións humanas, a soidade e a falta de comunicación na época tecnolóxica. Trátase dunha comedia cunha proposta interesante na que os actores manexan a iluminación e o son desde o propio escenario.

Para asistir á actividade de preparación previa é necesario apuntarse a través do teléfono 986.840.367 ou enviando un correo a: [email protected]

A actividad é gratuíta. Tras a función comezará un coloquio entre o público, os directores e o elenco actoral.

O tráiler da obra pódese ver a través de Youtube: