"Voces diversas" para celebrar en Pontevedra o Día dos Museos

Pontevedra
15 de maio 2020

Quince persoas usuarias de distintas asociacións do ámbito da diversidade protagonizarán a campaña "Voces diversas que senten o Museo", composta de vídeos gravados por elas mesmas. A iniciativa quere amosar as múltiples miradas que existen sobre o Museo de Pontevedra, seguindo na liña central de abrir a institución a toda a sociedade

Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra Mónica Patxot

Empoderar a diversidade, a inclusión e a igualdade. É o obxectivo da iniciativa que porá en marcha o Museo de Pontevedra para conmemorar, o próximo luns 18 de maio, o Día Internacional dos Museos.

Quince persoas usuarias de distintas asociacións do ámbito da diversidade protagonizarán a campaña "Voces diversas que senten o Museo", composta de vídeos gravados por elas mesmas e que se irán publicando ao longo da xornada.

Entre os colectivos que participan están a ONCE, o centro Méndez Núñez, a asociación de persoas xordas de Vigo, a asociación Alba de familiares de persoas con enfermidade mental, a organización de diversidade sensorial de Galicia (Xoga), Cruz Vermella ou Amizade.

Todos os vídeos, que se difundirán a través da web e do Facebook, estarán interpretados en lingua de signos salvo o que protagoniza unha persoa xorda profunda que será traducido a lingua oral.

A iniciativa quere amosar as múltiples miradas que existen sobre o Museo de Pontevedra, seguindo na liña central de abrir a institución a toda a sociedade.

"Queremos incorporar a toda a xente que habitualmente non vén ao museo por diferentes circunstancias. Queremos que sexa un museo inclusivo e aberto e que eses colectivos que normalmente quedan na periferia entren no sistema museístico", destacou o seu director.

O Día Internacional dos Museos é unha iniciativa potenciada polo Consello Internacional de Museos co obxectivo de concienciar sobre a importancia dos museos como medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

Na súa edición de 2020, esta efeméride pretende converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos, así como promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos no que os museos mostran e nas historias que contan.