Voces femininas e reinvención da tradición para os conciertos matutinos de 'Achégate ao Salón!' en Vilagarcía

O Salnés
12 de xaneiro 2026

A novena edición deste ciclo levará ao Salón García as actuacións de Merino, Repion e Gala i Ovidio os domingos 8 de febrero, 29 de marzo e 26 de abril. As entradas están á venda

Merino, Repion e Gala i Ovidio
Merino, Repion e Gala i Ovidio /

A nova edición do ciclo musical 'Achégate ao Salón!' encherá o Salón García de Vilagarcía de voces femininas e proxectos que fusionan tradición e innovación entre febreiro e abril. 

O ciclo chegará á súa novena edición os días 8 de febreiro, 29 de marzo e 26 de abril cos concertos de Merino, Repion e Gala i Ovidio, respectivamente.

Trátase de concertos matutinos previstos para as 12.30 horas de tres domingos dos primeiros meses do ano.

Un ano máis, o ciclo aposta pola música independente e polas bandas emerxentes, con especial atención aos artistas galegos e ás creadoras femininas.

O ciclo deste ano abrirao a banda madrileña Merino, o 8 de febreiro. Sandra Merino (compositora, guitarrista e cantante) e Alex Gallego (batería e deseño de show) compoñen este dúo, que está a conquistar ao público máis diverso. 

A segunda cita será co dúo feminino Repion, o 29 de marzo. Teresa (batería e voz) e Mariña (guitarra e voz) son irmás e as integrantes deste poderoso dúo que, co seu disco 201 conecta a intensidade emocional e a enerxía coa súas orixes cántabras en temas de estilo pop-rock.

O ciclo pecharano o 26 de abril Gala i Ovidio, o novo proxecto emprendido pola Tanxugueira Aida Tarrío co produtor Raül Refree. O dúo preséntase con Un final que parece un principio, un cancioneiro escrito a catro mans que reúne electrónica e lírica pop, experimentación e sutileza.

A edil de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, destacou as prodixiosas voces femininas que ten o cartel deste ano e a coincidencia de ser propostas que recuperan e actualizan a tradición dun xeito innovador.

Trátase de tres proxectos musicais que "están tendo unha excelente acollida de público" en concertos e festivais e que a concelleira lembra que, en Vilagarcía, "teremos a sorte de poder ver e escoitar nun formato íntimo, onde o público, apenas 250 persoas, está moi cerca dos artistas".

O alcalde, Alberto Varela, puxo de relevo o acerto que tivo a concelleira de Cultura cando en 2016 puxo en marcha a innovadora fórmula dos concertos matutinos co obxectivo de potenciar proxectos musicais e ampliar a oferta lúdica, pero tamén para atraer público á vila, dinamizar as xornadas dos domingos en inverno e abrir os concertos a un público familiar.

Os abonos para asistir as tres actuacións estarán á venda en Ataquilla.com ata o 31 de xaneiro.O prezo do abono de adultos é de 25 euros, e o de menores de 16 anos e persoas desempregadas, de 15 euros.

De non esgotarse os abonos, a partir do 2 de febreiro poranse á venda as entradas individuais para cada un dos concertos. Os billetes para adultos custarán 12 euros, e os de menores de 16 anos e desempregados, 6 euros.