'Voces ocultas': evento artístico-musical con todo o sentido

Pontevedra
05 de decembro 2019

Trátase dunha iniciativa creativa organizada polas asociacións Amencer-Aspace, Down Pontevedra Xuntos e Amizade, que se plasmaba este mércores 4 no Sexto Edificio do Museo onde a música, a poesía e a expresión artística amosaban o talento das persoas con diversidade funcional e sensorial

'Voces ocultas' 2019
'Voces ocultas' 2019 / Cristina Saiz

Decenas de persoas encheron o vestíbulo do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra onde as asociacións Amencer-Aspace, Down Pontevedra Xuntos e Amizade ofrecían unha montaxe creativa na que a música, a literatura e as artes plásticas combinábanse para amosar as capacidades de persoas con diversidade funcional e sensorial.

Baixo o título de 'Voces ocultas', esta gala-concerto que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social e o traballo formativo do colectivo Artecalavera e do Estudo Bonobo, coa dirección de Gonzalo Maceira, ofrecía o resultado de traballo de expresión artística que se desenvolve ao longo do ano con 16 persooas con diversas discapacidade.

Este proxecto busca a utilización da musicoterapia para fomentar a capacidade dos integrantes destes colectivos e ofrecer propostas artísticas e escénicas.

Ao longo de 2020 continuarán realizándose actividades cun concerto en xuño no Teatro Principal e unha montaxe audiovisual.