O Concello de Pontevedra, a través da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o promotor e director Pablo Cacheda, presentaron este luns a quinta edición do proxecto audiovisual Pontevedra Rodando.
Tras catro anos de parón, sendo a última edición virtual pola pandemia da COVID-19, a iniciativa regresa para achegar o mundo do cinema e o audiovisual a toda a cidadanía, con especial énfase na conexión interxeracional e a innovación.
Anabel Gulías destacou que esta nova entrega se enmarca na área de Promoción Económica e busca proxectar o "modelo de Pontevedra", aproveitando o foco dos Premios Feroz na cidade.
O obxectivo é ofrecer a oportunidade de "que todo o mundo que queira se achegue ao mundo do cinema por dentro".
O programa, pensado para crear cine, inclúe conceptos básicos de gravación, actuación, e por primeira vez, a intelixencia artificial aplicada ao audiovisual. A concelleira tamén subliñou a importancia da perspectiva interxeracional que sempre enriqueceu as edicións anteriores.
Pola súa banda, Pablo Cacheda, promotor con ampla experiencia no sector, lembrou que nas súas catro edicións anteriores Pontevedra Rodando xerou 12 curtas, sendo interesante ver estas pezas como testemuña do evento audiovisual.
Cacheda confirmou que, despois do parón, agora falta esa "motivación" que esperan recuperar, impulsada en parte pola celebración dos Premios Feroz na cidade.
"Tentaremos que os Feroz teñan referencias", afirmou Cacheda. As curtas dos participantes buscarán inspiración nas obras candidatas e premiadas das pasadas e presentes edicións, e vai buscarse que estas referencias estean integradas nas pezas finais.
DATAS E INSCRICIÓNS
O proxecto consta de cinco sesións teórico-prácticas complementadas con sesións de rodaxe que se realizarán antes da gala dos Feroz.
-
Datas: 27 de novembro, e 4, 10, 11 e 18 de decembro.
-
Horario: De 17:00 a 20:00 horas.
-
Lugares: Mercado e Casa da Luz.
Todas as persoas interesadas a partir dos 12 anos, incluídas aquelas que xa o fixeron en edicións anteriores, poden participar. As curtas xeradas, que poden realizarse tanto de ficción como documental, quedarán colgadas na web do Concello e en volvemosaprimeraproducciones.
A inscrición é de balde e realízase por correo electrónico, cun máximo de 25 prazas que se cubrirán por orde de chegada.
-
Inscricións: volvemosaprimeraproducciones@gmail.com
-
Información: 654.631.555
O equipo docente estará composto por profesionais experimentados como Santi Romay, actor e profesor do curso, que xa participou en anteriores edicións.
PROGRAMACIÓN DO CICLO PIONEIRAS DOS FEROZ
A produtora Sol Carnicero será protagonista este martes 4 de novembro na segunda sesión do Ciclo Pioneiras dos Premios Feroz en Pontevedra, cunha proxección do filme 'Vamos, Bárbara' ás 18:00 horas no Teatro Principal e coloquio posterior moderado pola xornalista María Hermida.
Esta actividade, con entradas gratuitas a retirar na Oficina de Turismo da Praza de España, forma parte dun programa de novembro cun marcado carácter feminista que homenaxea mulleres clave do audiovisual en relación coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
'Vamos, Bárbara', ópera prima de Cecilia Bartolomeu e galardoada co Premio Feroz de Honra, aborda en clave de comedia a historia dunha muller que busca a liberdade tras a morte do ditador, evidenciando as limitacións e prexuízos da época.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.