Os socialistas esixen aclarar como acabou nun mercadiño unha placa recibida por Rafa Domínguez na Arxentina

Pontevedra
24 de xullo 2026

O PSOE considera que o sucedido reviste especial gravidade polo valor simbólico do agasallo, entregado como mostra de recoñecemento por parte da comunidade galega residente na Arxentina

Yoya Blanco e Ana Laura Iglesias
Yoya Blanco e Ana Laura Iglesias

O grupo provincial do PSdeG na Deputación e o grupo municipal Socialista no Concello de Pontevedra reclamaron este venres explicacións públicas ao vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, despois de que unha placa que lle fora entregada pola colectividade galega na Arxentina durante unha viaxe institucional aparecese posteriormente á venda nun mercadiño.

Os socialistas consideran que o sucedido reviste especial gravidade polo valor simbólico do agasallo, entregado como mostra de recoñecemento por parte da comunidade galega residente no país suramericano.

A concelleira socialista en Pontevedra, Yoya Blanco, sostén que resulta "incomprensible" que un obsequio recibido en representación das institucións rematase nesa situación sen que, ata o momento, se ofreceran explicacións.

Na súa opinión, a colectividade galega na Arxentina "merece respecto" e un episodio deste tipo pode interpretarse como unha falta de consideración cara ás persoas que manteñen vivo o vínculo con Galicia desde o exterior.

Na mesma liña pronunciouse a deputada provincial Ana Laura Iglesias, quen incidiu en que a cuestión transcende o propio valor material da peza.

Segundo sinala, trátase dun símbolo da relación entre Galicia e a emigración, polo que considera que Domínguez debería aclarar publicamente como acabou a placa nun mercadiño e, no seu caso, pedir desculpas á colectividade que lla entregou.

O PSdeG tamén dirixe as súas preguntas ao presidente da Deputación, Luis López. Os socialistas queren saber que ocorreu co resto dos agasallos recibidos durante aquela visita institucional á Arxentina e se existe algún protocolo para a custodia deste tipo de obsequios entregados a representantes públicos.

A formación defende que as institucións deben preservar con especial coidado os agasallos recibidos en actos oficiais, especialmente cando proceden da emigración galega, á que cualifica como unha das principais embaixadoras de Galicia no exterior.

Por iso, reclama que se esclareza o sucedido para evitar que este episodio prexudique a relación entre as institucións galegas e a colectividade emigrante.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora