Volve Itineranta, un festival de animación que promete revolucionar o centro histórico

Pontevedra
29 de xullo 2014

Que a xente se involucre e participe dos espectáculos, porque "esto non é un desfile". Con ese obxectivo, segundo a súa coordinadora, Laura de Gabriel, chega a quinta edición do festival Itineranta, un evento que encherá as rúas e prazas do centro histórico con trece espectáculos de animación

Presentación da V edición do Festival Itineranta
Presentación da V edición do Festival Itineranta / Mónica Patxot

Que a xente se involucre e participe dos espectáculos, porque "esto non é un desfile". Con ese obxectivo, segundo a súa coordinadora, Laura de Gabriel, chega a quinta edición do festival Itineranta, un evento que encherá as rúas e prazas do centro histórico con trece espectáculos de animación. Celebrarase entre o 5 e o 7 de agosto e as nove compañías participantes, máis que anos anteriores, presentarán propostas que combinan música, animación e escenografía. 

Segundo destacou a concelleira de Festas, o festival Itineranta xa está consolidado na programación festiva da cidade, especialmente, porque se adapta moi ben ás características do noso centro histórico "con prazas pequenas e rúas tanto anchas como estreitas", o que permite, dixo, unha grande variedade de espectáculos para todos os públicos.

En cada un dos tres días, as actividades do festival comezarán ás 20.45 horas e o último espectáculo sairá ás 22.00 horas. As nove compañías (tres galegas, dúas de Cataluña, dúas de Burgos, unha de Zaragoza e outra de Portugal) actuarán seguindo tres percorridos polo centro histórico, que se poden consultar no programa de man ou na páxina web do festival.

Esta peculiaridade, sinalou Carme da Silva, permite gozar de Itineranta ben seguindo os espectáculos polas principais rúas e prazas do centro histórico, ou ben agardando nun destes escenarios a que vaian pasando as distintas propostas de animación de rúa.

A programación deste ano é a seguinte:

Martes 5 de agosto

  • Tiritirantes: Escuela de vuelo
  • Cal y Canto: A-ta-ka
  • Maniómicos: Sobre Rodas
  • Olodum do Coio: Batukada Afrobrasileña

 

Mércores 6 de agosto

  • Tiriritantes: Retratarte
  • Always drinking marching band: La calle es nuestra I
  • Cal y Canto: Pepperland
  • Crassh: Crassh
  • K de Calle: Klimatolokos

 

Xoves 7 de agosto

  • Always Drinking Marching Band: La calle es nuestra II
  • Brincadeira: La danza de la calle
  • K de calle: Kaña
  • Troula: Funky Party

 

Laura de Gabriel, membro do Grupo Troula, destacou que haberá propostas para todos os gustos, desde as que presentarán espectáculos exclusivamente musicais de vento ou percusión, ata as que apostan por primar a animación ou por dirixir a súa actuación aos máis novos e que resultan "moi chamativos" para os rapaces. De aí que pedira aos pontevedreses que "interactúen con eles" e, se queren, vaian incluso detrás das compañías.