Vortex busca mecenas a través de crowfunding para poder gravar "Confessions", o seu primeiro disco

Pontevedra
20 de marzo 2014

Teñen apenas 20 anos e malia a súa mocidade, Vortex é unha das bandas máis coñecidas da escena musical emerxente de Pontevedra. Desde que empezaron a tocar xuntos no verán de 2010 lograron numerosos premios e recoñecementos. Agora buscan dar un paso máis na súa carreira e editar o seu primeiro disco. Para iso decidiron recorrer, como moitas outras bandas, ao crowfunding

Vortex, grupo de música pontevedrés, nunha das súas imaxes promocionais
Vortex, grupo de música pontevedrés, nunha das súas imaxes promocionais / Vortex

Teñen apenas 20 anos e malia a súa mocidade, Vortex é unha das bandas máis coñecidas da escena musical emerxente de Pontevedra. Desde que empezaron a tocar xuntos no verán de 2010 lograron numerosos premios e recoñecementos, o que lles levou a formar parte do cartel do último festival SonRías Baixas. Agora buscan dar un paso máis na súa carreira e editar o seu primeiro disco. Para iso decidiron recorrer, como moitas outras bandas, ao crowfunding.

"A decisión de sacar o disco está tomada desde hai un ano aproximadamente", explica Marcos Rodríguez, guitarrista do grupo, a PontevedraViva. "Logo da pasada edición do Fest na que fomos finalistas, crimos que era o momento de dar un pasiño máis e empezar a traballar niso". Así é como empezou a gestarse Confessions, o título que terá o primeiro álbum desta banda, que se autodefine como un grupo de metalcore melódico.

Trátase dun disco que constará de dez temas propios "máis algún que desbotamos no proceso de pre-produción". Puxéronse de prazo poder editalo o próximo verán, para o que "fomos compoñendo as cancións con calma e coidando todos os detalles, incluso pedindo consello aos nosos amigos do grupo Malkeda". O que teñen claro é que será un traballo cun son potente, directo e con melodías de voz, tanto melódicas como guturais.

Tanto Marcos como os seus actuais compañeiros ⿿ a banda sufriu algúns cambios desde a súa fundación ⿿ intentan con este disco "seguir coas nosas influencias de metal clásico pero renovando e incorporando elementos do metalcore, hardcore ou post-hardcore". Jacobo Sainz (guitarra e voz), Víctor García (baixo e coros) e Jonathan Portela (batería) coinciden. "Á xente vaille a sorprender e moito o cambio que demos".

Tras gravar o disco en Pontevedra, Vortex pretende comezar unha pequena xira por Galicia, pero aseguran que "os nosos intereses quizais sexan máis a longo prazo que a curto, e intentar con este álbum debut darnos a coñecer e crear expectativas para posteriores anos". Marcos Rodríguez afirma que "os nosos obxectivos son tocar nas grandes salas galegas antes de saír fóra, aínda que se se nos plantexa a oportunidade iriámonos a donde fora oportuno".

Márcanse como obxectivo poder actuar nas Festas da Peregrína, polo menos dentro do certame 15 Bolos, e poder formar parte do cartel de festivais do seu estilo como o Resurrection Fest de Viveiro. Pero recoñecen que "a situación non é fácil, nin moito menos". Lamentan como a música "é cada día golpeada e humillada ata o punto de que buscar forma de sobrevivir nisto sexa un martirio".

A crise supón, xa de seu, "un duro golpe para todos", pero os membros de Vortex aseguran que o panorama é aínda máis desolador si cabe "cos ataques do goberno e coas condicións que se lle poñen ás salas, como o ocorrido recentemente na Cabana". Por iso, Marcos recorda que en Pontevedra "acabamos de formar unha Asociación de Músicos co fin de poñer solución a todo isto".

Se queres colaborar con Vortex para que poidan editar o seu disco, as achegas pódense realizar a través da páxina do seu proxecto na plataforma Verkami. Necesitan 2.000 euros. Os que se convertan en mecenas do grupo poderán gozar dunha serie de recompensas: desde a descarga anticipada do disco, entradas para algunha das súas actuacións ou ata un concerto exclusivo no teu domicilio.