Unha peza audiovisual resume a experiencia vivida en marzo no Vira Fest pola expedición de Xeración Sónica, o programa promovido pola concellería de Xuventude de Pontevedra.
Tratábase da primeira saída internacional deste grupo xuvenil formado polos integrantes de Vermes, Malo Será, Lles Poubelles, REK, Simpsonhead e Ornitorrincos, que viaxaron ao festival que se celebra en Paredes de Coura, en Portugal.
O vídeo ofrece como este colectivo de músicos novos participou en charlas, talleres e compartiron experiencias con outros proxectos que se daban cita no festival.
Alboerto Oubiña, concelleiro de Xuventude, afirma que Xeración Sónica é un dos proxectos que "fan cidade" ao ofrecer a oportunidade a xente nova de saír á rúa e ter o seu propio protagonismo.
Xeración Sónica nacía en 2018 coa intención de formar musicalmente á mocidade da cidade, con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos. Promóvese a música en galego, ao mesmo tempo que se promociona ás bandas e foméntanse actuacións no municipio para que poidan ofrecer os seus traballos ao público. Ademais, teñen a oportunidade de coñecer o Local de Música coa intención de que poidan utilzialo nos sucesivos anos.
O vídeo desta primeira parada internacional pódese ver na canle de Youtube do Concello de Pontevedra.