Xa está aberta a exposición permanente da Casa Museo de Colón

Poio
17 de xullo 2014

A exposición, proxectada pola Asociación Galicia Histórica coa colaboración de diversos estudosos ou investigadores, presenta un percorrido pola tese sobre a orixe galega de Colón dende o comezo ata os nosos días

O historiador Alfonso Philippot acudiu á inauguración da exposición da Casa Museo de Colón
O historiador Alfonso Philippot acudiu á inauguración da exposición da Casa Museo de Colón

O Concello de Poio ven de inaugurar a exposición permanente da Casa Museo de Colón en Portosanto.

A exposición, proxectada pola Asociación Galicia Histórica coa colaboración de diversos estudosos ou investigadores, presenta un percorrido pola tese sobre a orixe galega de Colón dende o comezo ata os nosos días. Os materiais están distribuidos en tres etapas.

Na planta baixa descríbense as catro viaxes de Colón a América. Está acompañada por debuxos do arquitecto e ilustrador Enrique Barreiro.

O primeiro andar recolle os inicios da teoría e os seus principais fundamentos. Exhibirase unha réplica do plano de Juan de la Cosa a tamaño natural, pertencente a unha edición en facsímile numerada e realizada en 1892. O mapa foi doado á Asociación Galicia Histórica, que se encargou do deseño e montaxe da exposición e decidiu depositala na Casa Museo de Poio.

O segundo piso mostrará a evolución da teoría proposta por Alfonso Philippot, que relaciona o navegante co conde de Caminha.

A exposición instalada na casa medieval fai un percorrido polas tres xeracións da familia Barreiro e ao seu vínculo coa teoría do Colón galego, con diversos materiais: o filme de 1927 "Pontevedra, cuna de Colón", e ilustracións.

O museo conta ademais con dúas zonas de proxeccións onde se visionan diferentes documentais sobre o tema.

Con esta nova instalación, aumentanse os contidos da Casa Museo de Colón coa intención de reforzar os argumentos que defenden a orixe poiense do navegante.