Paulo Rocha, figura eminente da cinematografía lusa e considerado o pai do novo cinema portugués, será o protagonista da programación que o Cineclube Pontevedra preparou para este mes de xaneiro. Será coa proxección de tres das súas películas.
A influencia deste autor é visible na obra de cineastas portugueses contemporáneos como Pedro Costa, João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes ou João Salaviza.
Malia as dificultades de acceso ao seu traballo, Rocha é coñecido nos circuítos cinéfilos internacionais como autor dunha complexa reflexión sobre Portugal, sobre as súas raíces culturais e matrices identitarias.
O Cineclube, da man da distribuidora Atalante, ofrecerá tres filmes fundamentais da súa filmografía, con presenza nos tres da actriz portuguesa Isabel Ruth: Os verdes anos (1963), Mudar de vida (1966) e O río de ouro (1998).
Os verdes anos poderá verse este martes 17 de xaneiro. Pedra angular do cinema luso, a ópera prima de Paulo Rocha, filmada nun esplendoroso branco e negro, é unha mirada desencantada, tenra e amarga á Lisboa moderna a través dos ollos de dous mozos que veñen do campo.
O martes seguinte, o día 24, será a quenda de Mudar de vida. Coa guerra colonial como pano de fondo, o segundo filme de Rocha narra unha serie de episodios da vida de Adelino, un home que regresa á súa pequena aldea de pescadores logo de facer o servizo militar.
O ciclo concluirá o martes 31 con O río de ouro. Ambientada nos anos 50, a rexión do Douro é unha vez máis o escenario dun drama de amores tráxicos. Todo transcorre ben na tranquila vida da aldea ata que Carolina comeza a sospeitar unha relación entre o seu home e a súa sobriña.
Todas as proxeccións, que serán no Teatro Principal ás 20:30 horas, faranse en versión orixinal con subtitulado en galego.