Xerais publicará 'Cósmico o bombeiro galáctico', de Fonso Barreiro, gañador do III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

Pontevedra
05 de xaneiro 2022

'Cósmico o bombeiro galáctico' é unha historia de aventuras con estilo cartoon destinada a público infantil con referencias a obras de autores como Jan ou Toriyama

Viñeta de 'Cósmico o bombeiro galáctico', de Fon, Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético
Viñeta de 'Cósmico o bombeiro galáctico', de Fon, Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

'Cósmico o bombeiro galáctico', de Fon, resultou gañador do III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera. O xurado, composto por Miguel Puerto, Fernando Iglesias (Kohell), Fernando Llor e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou que é unha aventura que se desenvolve en Galicia e trata, de forma máis divertida que didáctica, do coidado do monte e a natureza a través dun peculiar bombeiro que, polas súas maneiras, pode relacionarse con algúns personaxes míticos do anime e o manga.

O traballo recolle unha historia de aventuras con estilo cartoon infantil moi visual e achegada a outras obras de Fon, con influencias que van desde autores como Jan, creador de SuperLópez, ata o coñecido Toriyama, autor de Dragon Ball.

Alfonso Barreiro (Fon) pertence á primeira promoción de estudantes formados no do Curso Profesional de Banda Deseñada en O Garaxe Hermético de Pontevedra. Gañou o Premio de Fin de Curso no 2004 con 'Curuxa, a voz de Azazel', publicado por Retranca, Troglo e Dita en Galaxia e 'Gazafellos' en Aira. É director das Xornadas de Banda Deseñada do Liceo de Noia, 'V de Viñetas' e actualmente tamén imparte clases en O Garaxe Hermético.

Esta obra publicarase en Xerais durante o 10º Aniversario de O Garaxe Hermético, fundado polo ilustrador Kiko da Silva en Abril de 2010 en Pontevedra, que está a preparar unha serie de exposicións e encontros profesionais de banda deseñada ao longo do 2022 para amosar todo o conseguido polo alumnado formado durante esta década nas aulas da escola pontevedresa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora