O Ateneo de Pontevedra organiza o vindeiro xoves 19 de xuño ás 19:00 horas a conferencia titulada "Santiago de Compostela, entre hoxe e mañá", que será impartida polo recoñecido arquitecto Xerardo Estévez.
O acto, que terá lugar no Espazo Nemonon, contará tamén coa presenza do arquitecto Mauro Lomba, quen acompañará ao relator.
Esta conferencia forma parte do ciclo "Rompendo as barreiras do localismo", unha iniciativa que o Ateneo de Pontevedra realiza en colaboración coa Federación de Ateneos de Galicia.
A intención deste ciclo é poñer en valor diferentes localidades galegas, destacando os elementos que as identifican e fan únicas.
Xerardo Estévez, formado na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona con especialización en urbanismo, estableceuse en Compostela en 1972, onde exerceu como arquitecto e urbanista dentro do equipo Oikos.
Estévez tamén estivo vencellado á política. Foi alcalde de Santiago de Compostela en dous períodos (1983-1986 y 1987-1998) e deputado pola Coruña no Parlamento español entre 1993 e 1995.
Ademais da súa traxectoria profesional, é autor de diversas publicacións sobre arquitectura e urbanismo, colaborador habitual en medios nacionais e conferenciante en eventos internacionais.
A entrada ao evento é libre ata completar a capacidade do local.