Xosé Constenla, pregoeiro e músico en acústico no Armadiña

Poio
21 de agosto 2019

Entre as grandes novidades que presenta este ano o Festival Armadiña Rock atópase a inclusión dun pregón a cargo do músico e escritor Xosé Constenla que realizará un concerto acústico onde fará un percorrido por todos os seus traballos onde converxen jazz, country ou blues

Herdeiros da Crus no Armadiña Rock de Combarro
Herdeiros da Crus no Armadiña Rock de Combarro / Diego Torrado

Entre as grandes novidades que presenta este ano o Festival Armadiña Rock atópase a inclusión dun pregón a cargo do músico e escritor Xosé Constenla. 

A actividade está programada para o xoves 22 ás 20:00 horas na Rúa Cega, en Combarro e tras ela, o artista realizará un concerto acústico onde fará un percorrido por todos os seus traballos onde converxen jazz, country ou blues.

A programación oficial para o festival deste ano é:

O venres 23 de agosto comezará a xornada ás 17:30 co coloquio 'Música e revolución' na Praza da Rualeira. Pola súa banda, na Praza de San Roque celebrarase a partir das 18:30 o concerto infantil de Uxía Lambona e Banda Molona.

As rúas do recinto histórico de Combarro encheranas de música a partir das 19:30 as Pandeiretas de Ronsel e Armadiña. Máis tarde, ás 20:00 na Praza da Chousa realizarase a primeira sesión de Circo na Chousa con Asacocirco e a partir das 21:30 horas empezarán na mesma praza as actuacións de High Paw, Heredeiros da Crus, Nave e Bastards On Parade.

O sábado 24 será outro día cheo de actividades onde a música empezará ás 12:00 con Pinguela Terra de Montes que percorrerá o centro de Combarro. Unha vez finalice, será a quenda da Sesión Vermú que a amenizará Falperrys a partir das 13:00 na Praza da Rualeira.

Tras o descanso para comer, ás 16:00 horas actuará Beti da Church que dará paso a Sote ás 17:45 e a The Tetas Van ás 18:30 na mesma praza.

Ás 17:00 tamén se realizará unha acampada a cargo da Banda do patio e as actividades infantís enfocadas dentro do Armadiña Kids. Todas elas serán na zona de acampada.

Pola súa banda, Brassica Rapa percorrerá o centro de Combarro en dúas quendas. A primeira será a partir das 17:30 e a segunda a partir das 20:00 horas.

Ás 17:30 tamén se realizará o coloquio ' Festivais galegos creados por colectivos sen ánimo de lucro' no Peirao da Rúa. Ás 19:30 volverá o Circo na Chousa con Patty Diphusa que actuará na Praza da Chousa.

Pola noite chegará a quenda de Dubioza Kolektiv, TAB, Familia Caamagno, Balkan Bomba, DKTC e Os Xinetes do Trópico na Praza da Chousa que igual que o primeiro día, empezarán a tocar ás 21:30 horas.

O último día, o domingo 25 será a quenda da Ukestra do Medio que a partir das 13:00 horas encargarase de poñer o peche ao festival.