Xosé Luis Mosquera e Lois Pérez Díaz reciben os premios Johan Carballeira

Bueu
25 de maio 2024

O Concello de Bueu celebrou este sábado, 25 de maio, o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo. Desenvolveuse no Centro Social do Mar coa presenza dos dous gañadores desta edición

Entrega dos premios Johan Carballeira 2024
Entrega dos premios Johan Carballeira 2024 /

Xosé Luis Mosquera, como vencedor na categoría de poesía; e Lois Pérez Díaz, no apartado de xornalismo, recibiron este sábado 25 de maio no Centro Social do Mar de Bueu os premios como gañadores da edición do Premio Johan Carballeira.

Ambos obtiveron unha cerámica de Carballeira deseñada polo artista Cavalinho do Demo, ademais dun diploma conmemorativo e un lote de libros.

Ao acto asistía a concelleira de Cultura, Carmen García, e o alcalde Félix Juncal, que insistiron na importancia de fomentar a creación en lingua galega.

Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, reivindicaba tamén á figura de Carballeira e destacou a Bueu como referente na difusión da lingua.

Mosquera resultaba gañador polo poemario 'Trece maneiras de mirar un almanaque' e Lois Pérez obtivo o premio pola reportaxe 'Eloxio do apenovismo', publicada na revista Luzes, sobre a situación da AP-9.

O acto finalizaba co espectáculo 'Indóciles', con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nuit ofrecendo unha combinación poético-musical sobre a obra de Luisa Villalta, escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.

Os premios do Johan Carballeira están dotados con 1.500 euros en cada categoría e simbolizan o labor desenvolvido por José Gómez da Cova "Johan Carballeira", político, poeta e xornalista de Bueu.