Os estudantes foron os primeiros protagonistas da edición deste ano do Festival Internacional de Lusofonía 'Cantos na maré'. Durante a mañá deste xoves, alumnos das escolas de Imaxe e Son de Galicia puideron comprobar os medios tecnicos e as necesidades que se precisan á hora de montar un espectáculo musical. Os mozos percorreron o auditorio do Pazo da Cultura atendendo ás explicacións sobre a mesa de son ou as conexións dos instrumentos durante o ensaio realizado polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño.
A continuación, o músico de Moaña foi o encargado de explicar a un grupo de 75 escolares dos colexios Álvarez Limeses e Lourido as distintas partes da gaita e os distintos modelos deste instrumento que se poden encontrar en Europa. Budiño ofreceu unha charla sobre as múltiples emocións que poden expresarse a través da música. O gaiteiro preguntou: "Cantos sabedes tocar a flauta? E a pandeireta? e bailar? quen sabe bailar?" e os nenos levantaban a man a cada pregunta para romper despois nun aplauso cando Budiño interpretaba algún son coa gaita.
O propio Xosé Manuel Budiño sinalou a PontevedraViva que "son clases que non suelo facelas pero tamén che axudan a poñer os pés no chan e redescubrir de que forma eu descubrín a música tradicional que foi indo a un concerto cando tiña sete, oito, nove ou dez anos". E engadía que "é un bo momento para que vexan que hai máis opcións do que absorben os nenos e así ven outras opcións e que se empapen doutras músicas que, posiblemente, non están acostumados a escoitar". O músico despedíase dos escolares con 'Aires de Pontevedra'.
Este sábado a partir das 21.00 horas, o gaiteiro subirá ao escenario con Amancio Prada, Vítor Ramil, Gabriela Mendes e Luiz Caracol, baixo a dirección artística de Uxía Senlle e musical de Paulo Borges.